
Gran ruta do Xurés
GALERÍA































































ACTIVIDADES Y SERVICIOS
Etapa 1 Tourem-Maus de Salas
Distancia: 18,5 km
Desnivel acumulado: +300 m.
Duración estimada: 6 horas.
A ruta parte de Tourém,a única localidade portuguesa ao norte da Serra do Gerês, con moita relación cos territorios galegos do redor por mor do comercio e o contrabando, coincidindo cun tramo do antigo Camiño do Privilexiado, zona de libre tránsito e comercio que unía, entre bosques e prados, esta aldea portuguesa co Couto Mixto, microestado independente con autogoberno e capital en Santiago de Rubiás, vixente ata o Tratado de Límites de España e Portugal do ano 1864. Antes de chegar a Rubiás, a ruta deixa o Camiño do Privilexiado para dirixirse ao núcleo de Paradela; cruza o río Salas e diríxese con moito desnivel cara o seu encoro para chegar, máis alá, á aldea de Maus de Salas.
Etapa 2 Maus de Salas-Salgueiro
Distancia: 13,4 km.
Desnivel acumulado: +430 m.
Duración estimada: 4,5 horas.
Esta etapa bordea o encoro construído no ano 1971 e remonta o río Salas, pasando preto de varios monumentos megalíticos funerarios como a Casiña da Mora, cara os núcleos de Xermeade e Prado que, oculto ás veces tras árbores e carricovas, forma fervenzas e pozas. Despois de cruzar o río Salas en Prado, a ruta ascende ata a a aldea de Salgueiro, no Concello de Muíños, aldea con longa historia, autosuficiente e situada a uns 1000 metros de altitude; esta aldea foi abandonada no século XX e actualmente é propiedade da Xunta de Galicia que recentemente a reconstruíu: a etapa lévanos primeiro a gozar dun bosque de ribeira, e despois nos ofrece fermosas vistas dos penedos graníticos que coroan as paisaxes de altura do Xurés.
Etapa 3 Salgueiro-Lobios
Distancia: 19,2 km.
Desnivel acumulado: +440 m.
Duración estimada: 6,5 horas.
A primeira parte desta etapa percorre una contorna de bolos graníticos e “pedras cabaleiras” (coñecidas no Xurés coma “picas”) entre os concellos de Muíños e Lobios pasando polo núcleo de Albite; estas formacións rochosas forman una paisaxe moi característica do Xurés. Antes de chegar a Lobios o camiño percorre nunha serie de aldeas de gran interese pola boa conservación da súa arquitectura popular: a Cela, integrada nos bolos graníticos da contorna, Puxedo, de grande interese arquitectónico e etnográfico co seu peto das ánimas e murais que recordan as tradicións do pobo, Guende, Esperanzo co seu fermoso conxunto de eira e canastros e Prencibre, cos seus socalcos que se constrúen para gañar terreo as pendentes e servir de cultivo da vide ou, preto das aldeas, de produtos de horta.
Etapa 4 Lobios-Lobeira
Distancia: 21,4 km.
Desnivel acumulado: +800 m.
Duración estimada: 7 horas
A ruta vai polos concellos de Lobios, Muíños, Bande e Lobeira e, no seu inicio, coincide coa Vía Nova, calzada romana que percorre Ourense de sur a leste, salvando o río Salas pola ponte de Ganceiros. A senda deixa a dereita o encoro das Conchas, que enguliu parte de vía romana orixinal e discorre por distintos núcleos coma Tedós, Ermille, Chaos e Fradalvite, chegando á igrexa visigótica de Santa Comba de Bande, única igrexa prerrománica que se conserva sen apenas modificacións en Ourense e próxima ao campamento romano de Aquis Querquennis. Aaquí o camiño deixa a Vía Nova tirando cara o núcleo das Forcadas, pasando pola a igrexa de Nosa Señora do Viso, con preciosas vistas ás montañas do Xurés. Finalmente, esta etapa remata na vila de Lobeira.
Etapa 5 Lobeira-Terra Chá (Entrimo)
Distancia: 18,9 km.
Desnivel acumulado: +660 m.
Duración estimada: 6 horas
Despois de saír de Lobeira, un pequeno bosque acompáñanos polas únicas aldeas da etapa, Fondevila e A Canle. Nesta última destacar a presenza dun dos moitos Petos de ánimas da ruta, cunha mesa diante para apoiar os féretros camiño do cemiterio. Tomamos altura cara ó Concello de Lobios e camiñamos por unha zona con presenza de restos megalíticos xunto a San Bieito. Xa no Concello de Entrimo, atopamos un castro prerromano e os restos dunha torre medieval na Pía da Moura, antes de pasar pola área de descanso da Ponte Pacín, zona acondicionada para o baño. A ruta chega ó seu final por unha paisaxe fascinante de bosques, bolos graníticos e polas cabaleiras ata chegar a Terra Chá, no Concello de Entrimo.
Etapa 6 Terra Chá (Entrimo)-Ameixoeira
Distancia: 10,6 km.
Desnivel acumulado: +390 m.
Duración estimada: 3,5 horas
Toda a etapa percorre o Concello de Entrimo excepto a chegada, xa en Portugal. A senda sae da Terra Chá e vai polo val do río Agro e o seu bosque de ribeira ata Ferreiros. Desde aquí, achégase á Pereira, aldea moi próxima á fronteira con Portugal (na crista da serra que ten por encima) e, por último, intérnase na impoñente serra granítica ata o punto final na Ameixoeira.