Necesitas javascript para ver a páxina

Novas

Vostede está aquí

XORNADAS SOBRE NOVAS OPORTUNIDADES PARA TERRITORIOS RURAIS.

4 Novembro, 2020

XORNADAS ORGANIZADAS POLA DIPUTACIÓN DE OURENSE FINANCIADAS POR POCTEP 2014-2020

A Deputación de Ourense organiza mañá, 5 de novembro, a partir das 10.00 horas, unha xornada online para fomentar novas oportunidades para territorios rurais e presentar de forma oficial o proxecto europeo de cooperación transfronteiriza Fronteira Esquecida Limia-Lima, co-financiado pola Unión Europea. O obxectivo deste proxecto europeo é potenciar os recursos naturais e culturais do río Limia-Lima e a súa contorna, así como desenvolver unha estrutura de xestión e promoción conxunta que realce o aproveitamento turístico da zona. As inscricións para a xornada, gratuítas e abertas a todo o público, pódense realizar en www.fronteiraesquecida.eu. O acto será inaugurado polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e contará coa presenza do presidente da CIM Alto Minho, José Maria Costa.

Tras a presentación do proxecto, desenvolveranse dous relatorios que permitirán identificar accións para a revalorización e conservación dos espazos naturais e dar a coñecer novas oportunidades baseadas no aproveitamento do potencial dos territorios rurais. En primeiro lugar, a charla "Retos e oportunidades dos territorios rurais" será moderada polo xefe de servizo de Espazos Naturais da Xunta de Galicia, Antonio Rodríguez, e coa intervención do director conservador do Parque Nacional de Garajonay (A Gomera), Anxo Fernández López, así como da administradora delegada de Adere-Peneda Gerês, Sónia Almeida. Durante a charla detallaranse accións para a revalorización e conservación dos espazos naturais.

A xornada finalizará co relatorio "Cara a un turismo sostible", moderado polo presidente do Clúster de Turismo de Galicia e experto en turismo rural, Cesáreo Pardal. Os relatores serán a coordinadora da área de Turismo da Mancomunidade da Subbética, Cati Molina Rodríguez; o xerente de Oleosetin e membro do Clúster Turismo de Estremadura, Luís Miguel Martín González, e a directora do Carmo' s Boutique Hotel, María do Carmo Fernandes.

O proxecto Fronteira Esquecida ten previstas varias actividades para relanzar o espazo do río Limia-Lima como un destino turístico de calidade e sostible, así como para protexer e valorizar o patrimonio cultural e natural como base económica da rexión transfronteiriza. Entre elas atópase a elaboración dun relato histórico conxunto, o deseño de rutas, a xestión de recursos e itinerarios turísticos e a promoción do destino a través das novas tecnoloxías.
As persoas interesadas en asistir online á presentación do proxecto e aos relatorios deben inscribirse previamente a través do formulario dispoñible en www.fronteiraesquecida.eu.

Descarga do programa da xornada:
https://fronteiraesquecida.eu/wp-content/uploads/2020/10/Programa-Jornada-Fronteira-Esquecida-5-noviembre.pdf