Cabecera Valores culturales
Valores culturais

Valores culturais

Na nova concepción, que gaña terreo día a día en canto aos obxectivos xerais que debe alcanzar calquera espazo natural protexido, a sustentabilidade considérase hoxe unha finalidade básica a ter en conta en calquera planificación para desenvolver fronte á vella idea que primou durante unha gran parte do século XX de converter estas áreas en auténticos santuarios naturais.

É por iso que a aproximación á realidade socioeconómica do territorio, a súa análise e evolución esperada no tempo, axuntadas ao coñecemento dos valores naturais e patrimoniais do territorio, deben marcar as tendencias na planificación do espazo e a posterior execución dos proxectos, contemplados non aisladamente senón globalmente, baixo a premisa de que calquera acción de conservación e defensa da natureza nestas áreas debe complementarse coa posta en marcha de accións para a mellora da calidade de vida dos seus moradores, axudando á fixación da poboación, á procura de novas alternativas, á conservación dos núcleos rurais históricos, á defensa e conservación do patrimonio histórico-artístico e xenético, á preservación da paisaxe e da biodiversidade resultante da acción do home sobre estes ecosistemas, ou á elevación do grao de autoestima e a concienciación da poboación local pola defensa do seu patrimonio natural e cultural, entre moitos outros.

O Patrimonio Cultural é expoñente, testemuño e depositario da memoria colectiva de cada pobo. A súa función social excede amplamente o interese científico para converterse nun punto de reflexión sobre o noso comportamento no pasado, en canto constitúe o legado ou soporte material dunhas actitudes das diversas comunidades históricas que poboaron un territorio que nós herdamos. A nosa forma de pensar, os nosos coñecementos actuais, as nosas relacións co medio que nos rodea son o resultado da combinación dos comportamentos das diversas etapas que nos precederon.

En Galicia, a través da Lei 8/1985 do 30 de outubro, exponse que o Patrimonio Cultural, resultado da evolución cultural específica de Galicia, necesita ser protexido e conservado ao amparo da Lei de Patrimonio Cultural de Galicia. O territorio declarado como Reserva da Biosfera é un espazo de ocupación humana antiga, hoxe referente de identidade dun pasado cultural e natural en vías de extinción.

Na Reserva da biosfera pódese considerar a riqueza dun extenso patrimonio cultural, fiel reflexo dos nosos antepasados en numerosas construcións que aínda hoxe perduran e en moitas outras que foron desaparecendo ao longo da historia, quedándonos o seu legado inmaterial.