Ir o contido principal
Novas
Novas

A Xunta salienta que o proxecto Gerês-Xurés dinámico impulsou o turismo sostible e a educación ambiental na Reserva da Biosfera

A Xunta salienta que o proxecto Gerês-Xurés dinámico impulsou o turismo sostible e a educación ambiental na Reserva da Biosfera

A Xunta salienta que o proxecto Gerês-Xurés dinámico impulsou o turismo sostible e a educación ambiental na Reserva da Biosfera

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, clausurou o vernes o evento virtual co que se dá por pechado esta iniciativa

O proxecto de cooperación transfronteiriza Gerês-Xurés Dinámico conseguiu impulsar o turismo sostible no territorio da reserva da biosfera entre Galicia e o norte de Portugal, así como promover a educación e a sensibilización ambiental entre os habitantes e visitantes deste espazo, cunha extensión de case 270.000 hectáreas e cuxa declaración foi aprobada pola Unesco en maio de 2009.

Así o salientou o vernes pasado a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a clausura do evento virtual no que se deron a coñecer os resultados do proxecto, unha iniciativa, como lembrou, que foi deseñada no seu día para contribuír á mellora do estado de conservación do hábitat da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Ge rês-Xurés, tanto de maneira directa como indirecta.

Neste sentido, explicou que as actuacións impulsadas no que é o único espazo natural protexido de carácter transnacional na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal contribuíron á mellora e protección das condicións ambientais da zona ao tempo que servían para dala a coñecer e integrala na vida cotiá dos seus veciños, buscando unha harmonía entre os criterios de conservación e os socioeconómicos.

Así, a conselleira referiuse a algúns dos proxectos orientados á promoción da reserva da biosfera para atraer a potenciais visitantes, nunha clara aposta polo turismo sostible. Concretamente, desde a posta en marcha do Gerês-Xurés Dinámico no ano 2017 leváronse a cabo estudos para coñecer o perfil das persoas que a visitan, creáronse paquetes e novos produtos turísticos, e instaláronse seis tótems ou puntos de información virtual en cada unha das portas de entrada desde Galicia á reserva da biosfera Gerês-Xurés.

Do mesmo xeito, completouse unha Gran Ruta transfronteiriza circular que atravesa todo o territorio protexido, cun percorrido de case 300 quilómetros. Na parte galega, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural encargouse da sinalización dun tramo de aproximadamente 100 km desta ruta –os que discorren pola Comunidade-, que consta de seis etapas que pasan por outros tantos concellos nos que se ofrecen diferentes servizos aos visitantes.

En materia de educación e sensibilización ambiental, outro dos eixos de actuación do proxecto, tamén se elaboraron unidades didácticas específicas para os centros educativos do territorio transfronteirizo e un programa de visitas escolares á reserva da biosfera para a realización de actividades conxuntas entre alumnado de ambos países.

Así mesmo, tamén se acometeron varias actuacións en materia de biodiversidade, como a realización de estudos sobre as comunidades piscícolas e as masas de auga, inventarios dos lugares xeolóxicos e xeomorfolóxicos ou obras de mellora e adecuación dos determinados medios acuáticos, como charcas ou pozas con poboacións de anfibios.

O orzamento total do Gerês-Xurés Dinámico ascendeu a 1,97 millóns de euros, financiados nun 75% polo programa Interrreg VA España-Portugal Feder. Desta contía o orzamento xestionado pola Consellería de Medio Ambiente para executar as actuacións mencionadas a través da Dirección Xeral de Patrimonio Natural foi de 600.000 euros, dos cales 450.000 procedían de fondos europeos.

Código QR mini Icono cerrar Código QR grande