Necesitas javascript para ver a páxina

Novas

Vostede está aquí

A Reserva da Biosfera Transfronteriza Gerês-Xurés conta cun novo Plan de xestión

11 Outubro, 2022

O Diario Oficial de Galicia publicou o 6 de outubro de 2022 o Anuncio do 20 de setembro de 2022, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, polo que se fai público o Plan de xestión da reserva da Biosfera Transfronteriza Gerês-Xurés.

Trátase do terceiro instrumento de planificación do espazo desde a súa aprobación o 27 de maio de 2009 polo Consello Internacional de Coordinación do programa da UNESCO “Home e Biosfera” (MAB).

O Plan de xestión representa o compromiso compartido dos axentes locais, as institucións públicas e os habitantes da Reserva da Biosfera para converter este espazo nun referente de cohesión social, prosperidade económica e conservación do patrimonio natural e cultural.

Por tal motivo, o documento foi elaborado en coordinación entre o Instituto da Conservación da Natureza e dos Bosques, pola parte portuguesa e a Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia, pola parte española. Posteriormente, foi sometido a un proceso de participación pública e a Consultas por parte do Consello consultivo de Cooperación da Reserva. Finalmente foi aprobado pola Comisión de Dirección Transfronteiriza da Reserva da Biosfera o pasado 20 de xullo de 2022, tal como establece o seu regulamento de funcionamento.

O plan estrutúrase nun Marco Estratéxico que identifica eixos estratéxicos, liñas prioritarias de actuación e as principais accións a desenvolver nos vindeiros anos, así como os orzamentos de financiamento/inversións previstos polos diversos socios.

Os 4 eixos estratéxicos deste Plan son a Imaxe e identificación da Reserva, o Desenvolvemento económico, a Conservación da natureza e a Participación e integración social da comunidade e os actores involucrados.

Entre as accións máis salientables contempladas neste Plan están:

  • Plan de promoción, márketing e redes sociais da Reserva da Biosfera.
  • Divulgación e publicacións.
  • Programa de educación ambiental e cultural, así como de voluntariado e campos de traballo.
  • Sinalización do territorio, en espacial das Áreas Protexidas.
  • Organización de seminarios, congresos, xornadas, obradoiros e eventos.
  • Participación e organización de eventos nacionais e internacionais, así como en proxectos de cooperación a nivel nacional e internacional.
  • Promoción e implantación de medidas agroforestais-ambientais.
  • Innovación en actividades artesanais.
  • Valoración das actividades, prácticas e coñecementos tradicionais.
  • Desenvolvemento da marca de calidade da Reserva da Biosfera.
  • Restauración e posta en valor de elementos do patrimonio arquitectónico (foxos de lobo, patrimonio rural e núcleos de aldeas no medio rural).
  • Coñecemento e Interpretación do Territorio.
  • Restauración e posta en valor do patrimonio arqueolóxico (necrópole megalítica, castelos, mosteiros, calzada romana).
  • Interpretación do patrimonio arqueolóxico industrial.
  • Recuperación e promoción do patrimonio cultural inmaterial.
  • Acondicionamento a persoas con mobilidade reducida.
  • Mellora da infraestrutura de acceso aos núcleos de poboación e lugares de interese turístico.
  • Mellora das infraestruturas deportivas de natureza (carreiras, BTT, actividades náuticas).
  • Organización da oferta turística RB.
  • Mellora da infraestrutura para promover o turismo de natureza e a protección do medio ambiente.
  • Implantación dun sistema de control de tráfico e fomento do uso de transporte alternativo en zonas de gran afluencia de persoas visitantes e/ou importantes desde o punto de vista da conservación.
  • Promoción e posta en valor do territorio a través das novas tecnoloxías.
  • Inventario, seguimento e interpretación de lugares de interese xeolóxico e xeomorfolóxico.
  • Recuperación de marxes de cursos de auga, minas e mananciais de montaña.
  • Recuperación de áreas forestais degradadas.
  • Harmonización dos Plans de Manexo das Áreas Protexidas.
  • Programas de manexo de pesca, caza e agrosilvicultura.
  • Recuperación e mantemento de zonas húmidas e turbeiras.
  • Ampliación e mellora de hábitats e especies vexetais autóctonas.
  • Programas de conservación e manexo para poboacións ameazadas ou vulnerables, control de invasoras.
  • Implantación de medidas de manexo para especies e hábitats prioritarios e ameazados.
  • Promoción de accións de sensibilización e formación dirixidas ás poboacións e axentes locais. 

O Plan de xestión está dispoñible na seguinte no seguinte enlace